luns, 5 de decembro de 2016

EXPOSICIÓN NO MERCADO DE ABASTOS

Compartimos con todos vós a publicación da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, en Santiago de Compostela, e convidámosvos a pasar pola Nave 5 do Mercado de Abastos para ver o marabilloso traballo que fixeron os alumnos desta escola.

"EXPOSICIÓN: A LINGUA, ARTE DA TÚA TERRA. Fotografía e Xoiaría da EASD Mestre Mateo no Mercado de Abastos
Organizada por Galteo. Equipo de Dinamización da Lingua Galega da Mestre Mateo
MÁIS QUE VECIÑOS. AS BOINAS VOLTAN AO MERCADO DE ABASTOS
Despois de que na primavera as boinas invadisen as rúas de Compostela, na temporada de outono-inverno instálanse na Nave 5 do Mercado de Abastos. Trátase unha vez máis do proxecto posto en marcha polo IES Marco do Camballón e impulsado e realizado coa colaboración da EASD Mestre Mateo.
Galteo (o Equipo de Dinamización da Lingua Galega da Mestre Mateo) e alumnado e profesorado das especialidades de Fotografía e Xoiaría Artística foron os responsables de materializar esta idea que partiu do Clube da Lingua do IES Marco de Camballón.
A historia deste proxecto é un camiño de ida e volta que precisamente comenzou no Mercado de Abastos: alí foi onde se compraron as boinas para realizar os retratos que agora amosamos na Nave 5 do Mercado.
Despois de estar repartidos polos mupies das rúas de Compostela grazas á colaboración do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago, os retratos voltan ao entorno onde se realizaron.
Lembramos que baixo o título “A LINGUA, ARTE DA TÚA TERRA” preséntanse unha serie de retratos de personaxes da escea cultural e social galega ataviados con boina. O obxectivo do proxecto é transmitir a necesidade de actualizar os valores da nosa lingua: unha lingua para a xente nova, moderna, rural e urbana, impulsada por valores como a igualdade de xénero ou a xustiza social.
Nos retratos, as persoas aparecen levando as boinas personalizadas cos complementos deseñados e realizados polo alumnado de Xoiaría. Estes retratos foron realizados polo alumnado de 2º do CS de Fotografía do curso pasado no estudio da Mestre Mateo.
A boina é símbolo de moitas cousas. Durante moitos anos cubriu a cabeza de miles de galegos, e ultimamente tamén de galegas, mais esta prenda foi utilizada maioritariamente no ámbito rural. É na actualidade onde comeza a verse en cabezas pioneiras das últimas tendencias, está chamada a renovarse, actualizarse, e converterse nunha peza importante na moda galega, e nun accesorio habitual de quen queira facer uso dela con orgullo e elegancia.
A boina e a fala están de moda!"

Aquí vos deixamos unha pequena mostra dalgúns carteis que podedes atopar nesta exposición. 


Non deixedes de visitala!

martes, 25 de outubro de 2016

Cando a Boina de Ouro chegou ó seu destino...


A pasada semana sucedeu algo que nos fixo moita ilusión… as Boinas de Ouro do concurso de fotografía posto en marcha polo Clube da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, van chegando aos seus destinatarios!


A primeira en chegar, foi a do fotógrafo José Goris, que nos deleitou con esta encantadora montaxe.






Dende Boina galega queremos agradecer ao Clube da Lingua que nos permitiran formar parte deste proxecto impulsor da nosa lingua, e a José Goris polas súas palabras e esta magnífica montaxe. 




venres, 7 de outubro de 2016

A Boina dos Merlegos Celestes

Hoxe amosámosvos o resultado da boina deseñada para a Peña Celtista dos Merlegos Celestes.


Calquera que pase pola rúa da Angustia en Compostela, pode ver exposto na Cervexería Merlego un dos exemplares.
Os demais xa os están adquirindo os socios no web www.merlegoscelestes.gal 


xoves, 6 de outubro de 2016

Boinas en Compostela

Lembrades a campaña "A língua, arte da túa terra" da E.A.S.D. Mestre Mateo, en colaboración co Equipo de Normalización Lingüistica da escola (Galteo)? 
Falabamos dela no blog AQUÍ (preme no enlace para refrescar a memoria).
Cando os retratos sairon á rúa e se repartiron en vinte MUPIS do Concello de Santiago, tamén a deseñadora de Boina Galega, Sandra Vilas, apareceu nun deles, emprazado no Campus Vida.


Desta campaña tamén se fixo eco a Radio Galega e Sandra Vilas participou nun faladoiro no programa "Galicia por diante".
Na Web da Radio Galega podedes  escoitar aquí o Podcast do programa, coa entrevista a partir do minuto 41:30.
Os protagonistas deste faladoiro deixaron tamén esta divertida foto ben ataviados con cadansúa boina.



mércores, 5 de outubro de 2016

Despois do longo parón do verán atopamos unha sorpresiña da man da revista santiaguesa de tendencias Coralia, que amablemente nos fixo chegar María Outeiro, da tenda Espadela Artesanato, na rúa do Vilar de Santiago de Compostela.


Nesta publicación do Verán 2016, temos unha marabillosa reportaxe sobre este espazo singular, cheo de artesanía de calidade e no que se poden atopar pezas de calquera parte do mundo, que é a tenda Espadela Artesanato.

Dende Boina Galega queremos agradecer a María Outeiro a mención que fai das nosas boinas nesta reportaxe, a fermosa fotografía da boina de cerimonia que aparece nela, e dicirvos que non deixedes de ir a gozar en persoa dos seus escaparates e de todos os tesouros que atoparedes en  Espadela Artesanato.

Tampouco deixedes de botar un ollo á revista trimestral Coralia, na súa web podedes atopar os seus puntos de venda, porque si non a coñeciades xa, estamos seguras de que vos ha de interesar moito.