luns, 5 de decembro de 2016

EXPOSICIÓN NO MERCADO DE ABASTOS

Compartimos con todos vós a publicación da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, en Santiago de Compostela, e convidámosvos a pasar pola Nave 5 do Mercado de Abastos para ver o marabilloso traballo que fixeron os alumnos desta escola.

"EXPOSICIÓN: A LINGUA, ARTE DA TÚA TERRA. Fotografía e Xoiaría da EASD Mestre Mateo no Mercado de Abastos
Organizada por Galteo. Equipo de Dinamización da Lingua Galega da Mestre Mateo
MÁIS QUE VECIÑOS. AS BOINAS VOLTAN AO MERCADO DE ABASTOS
Despois de que na primavera as boinas invadisen as rúas de Compostela, na temporada de outono-inverno instálanse na Nave 5 do Mercado de Abastos. Trátase unha vez máis do proxecto posto en marcha polo IES Marco do Camballón e impulsado e realizado coa colaboración da EASD Mestre Mateo.
Galteo (o Equipo de Dinamización da Lingua Galega da Mestre Mateo) e alumnado e profesorado das especialidades de Fotografía e Xoiaría Artística foron os responsables de materializar esta idea que partiu do Clube da Lingua do IES Marco de Camballón.
A historia deste proxecto é un camiño de ida e volta que precisamente comenzou no Mercado de Abastos: alí foi onde se compraron as boinas para realizar os retratos que agora amosamos na Nave 5 do Mercado.
Despois de estar repartidos polos mupies das rúas de Compostela grazas á colaboración do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago, os retratos voltan ao entorno onde se realizaron.
Lembramos que baixo o título “A LINGUA, ARTE DA TÚA TERRA” preséntanse unha serie de retratos de personaxes da escea cultural e social galega ataviados con boina. O obxectivo do proxecto é transmitir a necesidade de actualizar os valores da nosa lingua: unha lingua para a xente nova, moderna, rural e urbana, impulsada por valores como a igualdade de xénero ou a xustiza social.
Nos retratos, as persoas aparecen levando as boinas personalizadas cos complementos deseñados e realizados polo alumnado de Xoiaría. Estes retratos foron realizados polo alumnado de 2º do CS de Fotografía do curso pasado no estudio da Mestre Mateo.
A boina é símbolo de moitas cousas. Durante moitos anos cubriu a cabeza de miles de galegos, e ultimamente tamén de galegas, mais esta prenda foi utilizada maioritariamente no ámbito rural. É na actualidade onde comeza a verse en cabezas pioneiras das últimas tendencias, está chamada a renovarse, actualizarse, e converterse nunha peza importante na moda galega, e nun accesorio habitual de quen queira facer uso dela con orgullo e elegancia.
A boina e a fala están de moda!"

Aquí vos deixamos unha pequena mostra dalgúns carteis que podedes atopar nesta exposición. 


Non deixedes de visitala!

Ningún comentario:

Publicar un comentario